Mon Daporta o corvo e a castaña COUSIÑAS FEITAS NA CASA O outono é tempo de froitas e de enchentas para os bechos pequenos.
Download ReportTranscript Mon Daporta o corvo e a castaña COUSIÑAS FEITAS NA CASA O outono é tempo de froitas e de enchentas para os bechos pequenos.
Mon Daporta o corvo e a castaña COUSIÑAS FEITAS NA CASA O outono é tempo de froitas e de enchentas para os bechos pequenos. É tempo de uvas, de mazáns, de noces, de landras e de castañas. Pois de castañas e de paxaros é do que fala esta historia. O paxaro é un corvo grande, negro como o carbón, liante e atravesado como non hai outro polos arredores; e como ademais de liante e atravesado tamén é un presumido e un tragón, un día que estaba con outros corvos comendo castañas nun souto, retounos a que ningún era quen de engulir as castañas enteiras como el o facía. Como os demais non llo creeron fíxolles unha demostración e enguleu unha castaña detrás de outra e logo, dunha enviada, a castaña máis gorda que había debaixo dos castiñeiros. A cousa non pasaría de ahí se non fora porque a enchenta empezou a facerlle padecer unhas incomodidades, que empezaron sendo revolturas e remataron por ser dores difíciles de soportar. Uns días despois, cando parecía que a cousa rematara, empezou a sentir un proído no cu. Esforzouse e retorceuse para mirar por que razón lle pasaba aquelo e descubreu que no buratiño tiña atravesado algo verde e brillante. Tirou del co peteiro e non foi quen de quitalo, o único que fixo foi arrancarlle un anaco co que descubreu que o que lle saía polo buratiño era, tanto pola forma como pola cor e o sabor, nin máis nin menos que… unha folla de castiñeiro! Aquela folliña medrou e ao pouco saeu de todo, sen o seu anaco pero saeu, e detrás dela outra; daquela do cuíño do corvo xa saían dúas follas de castiñeiro. E a cousa non parou ahí, uns días máis tarde xa lle saíra a terceira e á semana xa levaba catro follas debaixo do rabo,… logo cinco, seis, sete e case de seguido oito e nove follas coas súas ponliñas Ao mes da cousa xa arrastraba un ramallo de tres cuartas, tan posto, tan verde e tan lucido que os que o vían pasar voando pensaban que era un pavo real. O corvo ao escoitar tales gabanzas xa case empezaba a estar contento con aquel adorno, pero unha mañán mentras andaba a peteirar uns grans nunha leira unha raíz da árbore que lle estaba a medrar dentro botouse fóra e agarrouse á terra con tal forza que de nada lle serviron ao corvo os esforzos que fixo para soltala. Por máis que espernexou e patalexou, por máis que turrou, enguleu e escarabellou non foi quen de arrincala e quedou espetado, atravesado do peteiro ao cu polo castiñeiro. Cando xa levaba tres días espetado no medio da leira abreu unha mañán revolta na que un pouco a chuvia e outro pouco o vento poñían todo a contrapé e nesto un refacho forte, bastante máis forte que os que pasaran antes, bateu no corvo espetado e facéndolle pasar por dentro ponlas e follas, arrincouno do seu espeto. O corvo pasou unha semana coas tripas e a gorxa requeimadas pero salvouse e desde aquela procurou sempre ser comedido e respectuoso con todos e con todo. Ata se fixo íntimo da árbore á que coidaba coméndolle os bechos que querían facerlle dano. Cos coidados e co paso do tempo o pequeno castiñeiro medrou forte e san ata facerse tan grande como o máis grande dos castiñeiros dos arredores. E cada primavera saca follas novas, a finais de maio cúbrese de candeas amarelas, pasa o verán criando os seus ourizos e, no outono, regala as súas castañas antes de soltar as follas para que o vento enrede con elas. Pero aínda que parece un castiñeiro como os demais segue a facer das súas. No tempo de madurar as castañas non as deixa cair ao chou, como fan os demais castiñeiros, non, el aproveita para soltalas cando hai algún animaliño debaixo par poder meterlle un susto. Si un ratiño pasa por debaixo… pumba! sóltalle un castañazo xusto detrás do rabo para ver o pincho que da co medo. Si unha toupeira está construíndo o seu montiño de terra… pumba! caille, xusto no curuto, un proxectil que lle mete un medo tan grande que non volve facer montiños de terra en varios días. Si un merlo que busca bechos lle fai cóxegas co peteiro… pumba! Castañazo que te criou… Pero cando mellor apunta é cando pasa algún rapaz que lle fixera mal a el ou a calquera dos seus moitos amigos. Nesa ocasión deixa caer, desde a ponla máis alta, a castaña máis gorda… e faino con tan boa puntería que ningún se libra do pote que lle sae co castañazo… e non falla nunca! Un día armou unha do demo cando lle deixou cair unha baloca na testa a unha galiña que quería comer unha miñoca. Esta histoira foi moi comentada e convirteuse nun conto popular. Seguramente a túa nai ou a túa avoa saiban dela. Pero o castiñeiro do corvo, como lle chama todo o mundo, tamén ten as súas cousas boas. Ten, no medio do toro, un furado no que se acollen pola noite, cando vai frío, os paxariños perdidos; e no pé outro donde descansan os ratiños que van de viaxe, que son os que lle contan as cousas: as aventuras que viven e unha morea de historias que coñecen… e que el nos conta despois aos seus amigos.